Abono con algas, peixe e cortizas

M. S.

DANIEL GAYOSO

O campus de Lugo da USC vén de concluír nunha investigación que a produción dun cultivo é ata un 20 ou un 30% maior se empregamos como abono algas mesturadas con peixe e cortizas de pino. Colaboraron nesa proba Pescados Rubén e Maderas Costiña, ambas empresas da Mariña. As algas que empregaron foron recollidas tamén na costa da Mariña.

O emprego de sargazo para abonar as terras vén de vello. Non hai máis que escoitar aos nosos pais e nais ou avós/as. Supoño que aquí a investigación verdadeiramente está en mesturar as algas con esas outras materias (de antigo tamén se mesturaban con mexilóns e outras cunchas).

Contaba moitas veces miña avoa que de moza ía ao mar e traía o extraperlo agochado no carro entre o sargazo. Téñoo relatado nalgunha obra. Arroz, fariña, azucre, algo de chocolate para os nenos (meu pai e meus tíos), que chegaban en barcas ata a praia. Un día pillárona os gardas civís e quitáronlle todo; ela resistiuse e o paquete de arroz rompeu e quedou estragado polo chan. Despois da malleira quedou recollendo cada gran de arroz entre as herbas e pola terra para lles dar de comer aos seus fillos. Cada vez que o contaba na cadeira de rodas ao pé da ventá víñanlle aínda as lágrimas.

Link: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosmar/acuicultura/2023/10/08/abono-algas-peixe-cortizas/00031696758542992811689.htm

Esta entrada foi publicada en Comarcas, Galicia, Mar, Mulleres do Mar, Pesca, Politica, Politica Pesqueira. Ligazón permanente.

Deixar un comentario