
Máis do dobre de vendas e unha media de 9 euros por quilo confirman a recuperación do cefalópodo autóctono
Esvaeceuse na costeira anterior, a peor do século, e na actual renaceu das súas cinzas. Dende xullo do 2021 ata o de agora vendéronse preto de dous millóns de quilos de polbo galego fresco nas lonxas, máis do dobre que na anterior e mellor pagos, a máis de 9 euros o quilo, un máis. Como todos os anos, toca decidir cando comezará a veda para deixalo reproducir e medrar. Serán semanas, quizais entre 4 e 9, nas que Galicia volverá quedar sen o seu polbo fresco.
De como vai a costeira que se aproxima ao seu fin e do inicio e a duración da veda falaron este venres representantes das confrarías e da Consellería do Mar. Coinciden en que é necesaria, visto que as nove semanas do 2021 contribuíron á súa recuperación, mentres as catro do 2020 poderían influír no que os pescadores recoñecen como ano «catastrófico». «Parece que volvemos á normalidade, porque o que levamos capturado asemellase a outros anos» diferentes ao nefasto 2020, constatan asistentes á reunión da Comisión do Polbo celebrada en Santiago.
Mar puxo sobre a mesa a necesidade de acordar canto antes a veda. As federacións provinciais dos pósitos emprazáronse para despois de Semana Santa, o día 18, para unha posta en común das súas propostas. Antes consultarán ás diferentes confrarías. Afai haber discrepancias sobre a duración, que polos precedentes podería prolongarse entre 4, 6, 8 ou 9 semanas. Mar ten a última palabra.
Link: http://www.lavozdegalicia.es (SomosMar)
Debe estar conectado para enviar un comentario.