ASESOR PESQUERO

Dí a ministra María Jesús Montero que a normativa europea non permite rebaixar en España o IVE do peixe e a carne. Outra falacia, como a de que non se podería reducir o da electricidade.
A Comisión Europea, en resposta ao eurodeputado Millán Mon sobre ese imposto aos produtos do mar, afirma que os Estados «conservan unha certa marxe de manobra no que respecta a a fixación dos tipos, sempre que se respecte o principio de neutralidade do IVE». Non só iso, senón que a directiva comunitaria «permite aos Estados aplicar tipos reducidos do IVE aos produtos alimenticios destinados ao consumo humano e animal, aos animais vivos, ás sementes, á plantas e aos ingredientes utilizados normalmente na preparación de produtos alimenticios». Os produtos do mar recaen claramente dentro desta categoría.
Desde a pasada primavera rexe unha nova directiva comunitaria sobre o IVE. Segundo a orientación xeral, os Estados teñen a posibilidade de aplicar un tipo do 0 % ás entregas de bens e servizos que se considere que cobren necesidades básicas, como os produtos alimenticios. Ou sexa, a decisión de aplicar tipos reducidos segue quedando a discreción de cada Estado, permitíndolles «aplicar unha exención con dereito a dedución aos produtos alimenticios, incluídos os alimentos mariños».
Tamén a preguntas de Millán Mon sobre o apoio á pesca, a acuicultura e o sector da transformación #ante a crise de prezos, e en concreto, sobre a supresión do IVE, Virginijus Sinkivicius, comisario de Pesca, respondeu en maio que «as novas normas sobre os tipos do IVE permiten aos Estados aplicar unha exención con dereito a dedución aos produtos alimenticios, incluídos os alimentos mariños».
Con todo o respecto, señora Montero, ou quedou no pasado ou mente. Deixen de lear o palangre e, por coherencia con este sector ao que cualificaron de esencial na pandemia, póñanse desde o Goberno á altura do que lles demandan as oito organizacións da cadea mar-industria e rebaixen o IVE dos produtos da pesca e a acuicultura. Queda claro que vostedes si poden, pero non queren.
Debe estar conectado para enviar un comentario.