
Toni Longueira REDACCIÓN

O cerqueiro Novo Xoel, atracado na Coruña nunha imaxe de arquivo do ano 2015 Emiliano Mouzo
Trátase dun tripulante do cerqueiro Novo Xoel e todo apunta a que quedou enganchado na rede cando se estaba largando o aparello
Salvamento Marítimo busca no Cantábrico a un mariñeiro do cerqueiro galego Novo Xoel, que caera ao mar que se caeu ao mar á primeira hora da mañá.
O pesqueiro de Camariñas faenaba a cinco millas ao norte de San Vicente de la Barquera, en Cantabria, cando desapareceu o tripulante, de nacionalidade peruana. No momento do accidente o Novo Xoel estaba a largar aparello. Segundo apuntaron desde Salvamento Marítimo citando fontes do Novo Xoel, o tripulante desaparecido levaba posto chaleco salvavidas e roupa de auga.
O Novo Xoel leva nove tripulantes a bordo, dous deles residentes en Camariñas, entre eles, o patrón e armador, Miro Campaña. O mariñeiro desaparecido reside no Concello de Arteixo. Trátase de César Edwar B.T., nacido en 1975 en Perú.
Salvamento Marítimo alertou a todos os medios dispoñibles, incluídos o Salvamar Deneb, o Alonso de Chaves e o Helimer 202. A Garda Civil enviou á zona a dúas patrulleiras e o ISM mandou ao Esperanza do Mar. Nestes momentos continúa a procura. Nas tarefas colaboran outros cerqueiros da Costa da Morte, entre eles nove pesqueiros con base en Camariñas, que estes días participan precisamente na campaña da anchoa.
Sobre as causas do accidente, todo apunta a que o mariñeiro quedou enganchado na rede cando se estaba largando o aparello. Sobre as condicións do mar ao oito menos cuarto da mañá, cando se produciu o accidente laboral, un patrón dun pesqueiro consultado pola Voz confirmou que estaba en calma e había boa visibilidade. Iso si, a temperatura da auga apenas alcanzaba os 15 graos centígrados.
A confraría de Camariñas, á que pertence a embarcación na que traballa o pescador, sinalou ao mediodía deste martes que a última vez que se puxeron en contacto co patrón da embarcación «non había avances na procura».
Segundo trasladou a mesma fonte, as embarcacións que se atopan na zona onde desapareceu o mariñeiro de Novo Xoel «atópanse axudando no posible na procura».
Así mesmo, a confraría agradeceu o apoio do patrón do municipio coruñés de Portosín, Isaac Gaciño, indicou que «poden axudar en todo aquilo que sexa posible».
Debe estar conectado para enviar un comentario.