
A voceira da Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixeira, asegurou aos medios presentes no congreso Galician Offshore que esta organización do sector pesqueiro non negociará co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ata que non se retiren os Plans de Ordenación dos Espazos Mariños (POEM) presentados esta semana polo Goberno.
Teixeira asegurou que para o sector pesqueiro os POEM fixéronse «francamente mal» xa que se empezou «a casa polo tellado». Para a súa creación, segundo as súas palabras, sería necesario dispoñer «da mellor información científica posible» sobre o impacto socioeconómico que pode supoñer a implantación da eólica mariña no sector da pesca e a súa repercusión nos ecosistemas mariños.
El considera que non hai información sobre como poden afectar ás diferentes campañas pesqueiras e como poden impactar nos ecosistemas mariños. «Que eu llo teña que lembrar á ministra de Transición Ecolóxica é un pouco vergoñoso», criticou Teixeira.
«Coa Plataforma en Defensa da Pesca as pontes de diálogo co Ministerio están rotos e van seguir así ata que non se retiren os plans», reivindicou, indicando que lle «parece ben» que se reúna co Observatorio de Eólica Mariña, onde poderá dialogar coa industria, a Xunta e o propio sector, que están representados.
Polo de investigación en Ferrol
Pola súa banda, e durante a súa participación no foro, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, reclamou a instalación do polo de investigación de enerxías renovables na cidade e incidiu en que na eólica mariña ten que ser respectuosa con «o medio ambiente, coa pesca e mesmo coa defensa nacional», e incidiu que agora «se abre un novo proceso para poder manter a industria, coas posibilidades da instalación de parques mariños».
Debe estar conectado para enviar un comentario.