
Pesca segue afinando co cerco un paro biolóxico que non acaba de convencer
A crise do xurelo no Cantábrico non só golpea ao cerco. Certo que é o segmento de frota máis afectado, sobre todo aqueles barcos que faenan a maior parte do ano en augas galegas e non se desprazan a Asturias, Cantabria ou o País Vasco para participar nas costeiras da xarda, primeiro, e anchoa, despois. Pero o peche da especie á pesca dirixida na zona VIIIc —de Fisterra ao golfo de Biscaia— tamén golpea ao arrastre e ás artes menores.
Estas últimas, como todas aquelas que non sexan nin de arrastre nin de cerco, só poderán desembarcar 30 quilos de xurelo por barco á semana. Así o establece a resolución publicada no Boletín Oficial do Estado, que fixa as cantidades totais de xurelo que as embarcacións poderán descargar no 2023. E todo sen perder de vista que deberán ser capturas accesorias, que entraron no aparello cando se dirixían a outras especies obxectivo.
O que fixo a Secretaría Xeral de Pesca é sumar todas as capturas que este segmento de frota, que non tiña as cotas repartidas individualmente por barco, sumou o ano pasado para apartar das 3.271 toneladas que dispón España na 8c a cantidade xusta para cubrir as súas necesidades. Foron 94.950 quilos os que descargou o ano pasado. Os mesmos que se lle reservan este ano, que se repartiron por provincias para realizar unha mellor xestión.
Galicia acapara o 70 % desas posibilidades de pesca accidental. Ás provincias da Coruña e Lugo correspóndenlles 66.676 quilos, mentres que as dúas provincias costeiras do País Vasco dispoñerán no Cantábrico de 10.947 quilos, Cantabria poderá descargar 10.349, e Asturias, 6.978. Á provincia de Pontevedra non se lle asignou, debido a que se enmarca noutra zona de pesca, a 9a, na que si se pode facer pesca dirixida e a cota subiu. O único malo é que alí, segundo a frota, non abunda como no Cantábrico.
Mías información ….
Debe estar conectado para enviar un comentario.