
Foto: Porto de Cedeira
E. A., S. S.
REDACCIÓN / LA VOZ
A subdirectora xeral de Vixilancia Pesqueira e Loita contra a Pesca Ilegal preconiza en Celeiro a desaparición do diario de pesca en papel e a xeneralización dos medios telemáticos para transmitir as capturas.
O regulamento de Control da Pesca aínda está nos trílogos, esas negociacións a tres bandas que manteñen Consello, Parlamento e Comisión Europea para sacar adiante as iniciativas lexislativas desta última. E ata que conclúan as negociacións non hai nada pechado, aínda que si hai acordos máis ou menos firmes. E en plena era da dixitalización e Internet, o papel está condenado á extinción. Na pesca tamén. Aurora de Blas, subdirectora xeral de Vixilancia Pesqueira, avanzou en Celeiro que o diario de pesca en papel non sobrevivirá a esa normativa. Impoñerase o diario electrónico (DEA) para todos os maiores de 12 metros sen excepcións e buscaranse fórmulas para a baixura. De feito, xa hai unha aplicación que se pode levar no móbil, como a do banco ou a do médico, que pode servir para transmitir os datos.
De Blas tampouco deixou marxe de escapatoria á xeolocalización. A baixura terá que levala e non se escaparán os pescadores recreativos, que tamén terán que comunicar posición e capturas. Non se dixo como se controlará e como se afrontarán esquecementos de fin de semana que farán que un barco dea a súa posición desde Os Ancares, fixo ver o director xeral de Pesca, Antonio Basanta.
Debe estar conectado para enviar un comentario.