Portos exime por seis meses aos profesionais de pagar taxas por ocupar o chan cos seus aparellos

Tampouco pagarán por usar casetas e lonxas, rebaixarase a taxa por descarga de pesca fresca e conxelarase a tarifa por festas

Os profesionais do sector extractivo quedarán exentos, entre o 1 de abril e o 30 de setembro do 2023, do pago de duas das taxas por uso do dominio público portuario nas radas dependentes de Portos de Galicia: a de ocupación de chan con infraestruturas cubertas —como lonxas ou casetas de armadores— e a que se aplica por deixar aparellos en chan portuario. Esta é unha das medidas deseñadas pola Consellería do Mar para reducir os efectos económicos da invasión de Ucraína e paliar a inflación que sofre o sector e que afecta o rendemento da actividade do sector marítimo-pesqueiro. Son criterios que figuran na lei de medidas correctoras da lei de taxas do 2023 e que teñen un carácter extraordinario e transitorio.

As decisións terán unha importante repercusión no día a día de miles de profesionais da pesca, o marisqueo ou a acuicultura. Porque durante eses seis meses non terán que pagar a taxa que grava o uso do dominio público portuario (TODP) relacionado coa actividade produtiva en infraestruturas cubertas. Neste apartado inscríbense lonxas, naves de rederas, casetas de armadores e almacéns pesqueiros, de bateeiros ou marisqueiros, entre outros, sempre que estean ligados ao ámbito profesional.

Do 1 de abril ao 30 de setembro do 2023 tampouco se pagará a taxa E-2, que se aplica ao emprego do uso do dominio público portuario autonómico para almacenar pertrechos do ámbito profesional pesqueiro, principalmente ao aire libre. Esta é unha taxa que no seu día atopou forte rexeitamento no sur de Galicia, o último territorio no que se cobrou. Trátase de parcelas como as existentes en portos como Bueu ou Portonovo, onde se marcaron no chan os espazos dos que dispón a tripulación de cada embarcación con base na rada para poder depositar nasas, redes e outros aparellos necesarios para a súa actividade diaria.

Hai un ano a Xunta optou por esixir esta taxa en todos os 122 portos autonómicos, unha vez que detectou que en bastantes dársenas da provincia de Pontevedra non se estaba facendo e iso supoñía un trato diferencial fronte ao resto.

Pesca fresca

Unha terceira modificación é a bonificación da taxa por descargas de pesca fresca (X-4) en 0,4 puntos. Tamén se aplicará por seis meses desde a entrada en vigor das medidas correctoras para o 2023. Con estas tres decisións, segundo fontes consultadas, o aforro total en taxas para o sector extractivo será próximo ao millón de euros.

Así mesmo, outro cambio para o ano que vén terá repercusión nos eventos que se realizan en chan portuario aínda que non sexan estritamente pesqueiros, nin marisqueiros. Neste ámbito atópanse, por exemplo, terrazas de establecementos hostaleiros, celebración de festas, concertos e verbenas, eventos gastronómicos e outras cuestións moi variadas, por exemplo a árbore de Nadal que se coloca en Cambados.

A tarifa por todos estes usos non portuarios nas radas quedará conxelada o próximo ano. Supoñerá a concellos, confrarías e asociacións un aforro de 450.000 euros.

Link: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosmar/pesca-marisqueo/2022/10/20/portos-exime-seis-meses-profesionales-pagar-tasas-ocupar-suelo-aparejos/0003_202210G20P37992.htm

Esta entrada foi publicada en Artes Menores, Cedeira, Comarcas, Emprego, Galicia, Lei de Pesca Sostible, Mar, Politica, Politica Pesqueira, Taxas Portos. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s