Pesca galega: pouco interese para tantos intereses

Lourenzo Fernández Prieto

Lourenzo Fernández Prieto

MAÑÁ EMPEZA HOXE

Levamos semanas intentando entender que aconteceu coa prohibición europea da pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico. Folga repetir o que é coñecido sobre o papel económico da pesca en Galicia. Sabémolo e vivímolo. Intento entender como puido ser que pasara o que fatalmente pasou e o que dou entendido faime arrepiar. Do calidoscopio de declaracións políticas, decisións gobernamentais, desculpas públicas, escasas informacións científicas e protestas dos interesados, deduzo moita deixadez e falta de previsión en todo o asunto. Levan a pensar iso algunhas explicacións de expertos, profesionais e científicos, lidas entre liñas. En xeral, sobra tremendismo e falta ponderación con estratexia, como a que achegou Uxío Labarta nestas páxinas.

Sabemos que o asunto está sobre a mesa dende o 2016, que a prohibición —en determinadas condicións— era esperada e aceptada. Parece que faltaron informes científicos propios que poñer sobre as mesas de Bruxelas para guiar a decisión, pese a ter buques oceanográficos, organismos e centros de investigación capaces de elaboralos. Faltou presenza política do Goberno máis interesado, o de Santiago, e do Goberno con máis interlocución na Comisión, o de Madrid. Barrunto un exceso de confianza dos principais actores económicos do sector, dos máis interesados en defender a posición da pesca galega. Non abonda dicir que armadores e patróns son os primeiros interesados na sustentabilidade dos océanos. Ademais poden e deben demostralo. Semella como se faltara interese en defender os intereses. Descoidouse a presión, o lobi.

Sabemos a importancia que ten a pesca para Galicia, como deberamos saber que o complexo marítimo pesqueiro foi a chave da industrialización galega dende o século XIX. Non poden priorizarse tanto algunhas industrias de enclave —automóbil, celulosas, e outras dos últimos 70 anos— recentes en termos históricos, mentres se desatenden dolosamente aquelas endóxenas e polo mesmo tractoras e estratéxicas como a pesca. Unhas non son mellores que outras, pero a pesca —coma a téxtil ou a vitícola— son as que nos sitúan de modo vantaxoso no mundo dende que comezou a industrialización. Adaptarse aos cambios non casa mal con aproveitar a traxectoria que define os sectores produtivos en relación coas capacidades naturais —por situación ou condicións biofísicas— e as destrezas adquiridas ao longo do tempo —facer barcos, roupa, viño, pescar—.

En todo isto houbo moi pouca política, entendida como visión estratéxica de intereses colectivos, convertida en accións e normas para garantilos. Non a houbo na Xunta, onde debera habela mesmo por inercia, dada a importancia do sector; non podía agardarse do ministerio que adoito non pasa de Torrelodones, agás cando hai un desastre marítimo-pesqueiro como acontece. Que pensar dalgúns deses eurodeputados galegos que agora non paran de escribir —grazas a iso sabemos como se chaman— para botarlle a culpa a outros. A pregunta inevitable neste asunto: había alguén aí fóra?.

Link: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosmar/pesca-marisqueo/2022/10/18/pesca-galega-pouco-interese-tantos-intereses/0003_202210G18P11994.htm

Advertisement
Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Galicia, Lonxa Cedeira, Mar, Peixe de Cedeira, Pesca, Politica, Politica Pesqueira, Traballo. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s