Furtivismo de bañador

Joám L. Ferreiro Caramés

Biologo

Aínda que a tendencia xeral sempre son os datos, porcentaxes e estatísticas, eu quero centrarme no problema e no prexuízo que causa ao marisqueo. Así como a ninguén se lle ocorre parar nunha tenda, encher unha bolsa e marchar sen pagar, ou parar diante dunha leira e coller uns repolos e marchar, xustifícase coller marisco nas praias «porque o mar é de todos», e non é mentira, mais iso non vale para o que o mar produce. Xa desde finais do século pasado o marisqueo pasou a ser unha actividade de semicultivo, é dicir, non é simple recolección, hai traballos de rexeneración, limpeza, traslados, sementeiras… e para poder exercer esta actividade hai que ter un permiso e pertencer a unha confraría ou asociación, é un traballo regulamentado coas súas cotizacións como calquera outro. Polo tanto, o furtivismo, na modalidade que sexa, é ilegal, e quen o realiza comete un delito lexislado e penado. Hai que ter en conta, ademais do delito, o dano que se fai. Para comezar, as confrarías teñen que dedicar xente a realizar vixilancias para evitar que se desenvolva esta actividade nas praias, traballo extra para que non lles rouben o marisco que é o seu medio de vida.

Ademais, cando se realiza esta actividade ilegal non se miden as tallas, levando marisco aínda inmaturo e que non tivo oportunidade de reproducirse, ou en época de veda cando está a se reproducir, causando non só prexuízo polo levado, senón tamén polo que haberá no futuro. Ademais, as confrarías teñen que presentar un plan de explotación que, baseado nas mostraxes realizadas nas praias e estimación de stocks, determina o tope de captura por persoa, os días de traballo, temporadas de veda, e traballos a realizar; a extracción ilegal desbarata todos estes cálculos e altera os topes e calendarios de extracción e traballos. A perda económica producida polo furtivismo ás veces é moi importante, e nalgunhas zonas ou anos (non todos os anos hai a mesma produción) empeora, e moito, o traballo e as ganancias das mariscadoras, xa que, a menor cantidade de marisco, máis traballo para gañar o mesmo ou menos.

Hai un último factor a ter en conta, mais que é moi importante. Todas as zonas de marisqueo da Galiza, excepto algún parque de bateas, están en zonas clasificadas bioloxicamente como B (obrigatoriedade de pasar por unha depuradora de marisco para eliminar os coliformes presentes nos bivalvos) ou incluso en zonas C (prohibición de consumo deste marisco por contaminación microbiolóxica). Meter o marisco na casa nun caldeiro con auga de mar non depura, como moito elimina algunhas areas: hai polo tanto un risco biolóxico seguro. Mais cabe a posibilidade de que o banco marisqueiro estea pechado por un episodio de biotoxinas, xa sexan estas lipofílicas, PSP ou ASP, aquí o problema é moito máis grave porque poderían pór en risco a súa vida e, en caso de ser detidos con este marisco, enfrontarse a cargos por un delito grave (delito contra a saúde pública). Respectar o traballo da xente do mar e ir á costa a desfrutar dela é o que deberiamos facer cando imos á praia.

Link: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2022/08/10/furtivismo-banador/0003_202208G10P10993.htm

Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Furtivismo, Galicia, Mar, Marisqueo, Politica, Politica Pesqueira, Traballo. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s