Suporá un aforro de case o 50 % na factura eléctrica
M. A.
Cedeira 20/12/2020

A nova fábrica de xeo da confraría de Cedeira comezou a funcionar o pasado venres.
Era un proxecto que o depósito cedeirense levaba tempo reclamando polo elevado consumo eléctrico e as avarías da antiga maquinaria, que se atopaba totalmente obsoleta. Os traballos comezaron en setembro a cargo da empresa RGV Refrixeración S.L grazas á subvención de 507.700 euros que conseguiu a confraría de pescadores, e que está cofinanciada polo Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP), que achega un 75 %, e a Xunta, o 25 % restante.
Segundo as estimacións dos xestores do depósito, a factura eléctrica da fábrica de xeo pasará duns 50.000 euros anuais a case a metade, xa que o aforro enerxético previsto é do 48,20 %. Tamén esperan reducir os gastos en mantemento e reparacións, que se chegaron a disparar ata os 120.000 euros nalgún exercicio, segundo a confraría. Os beneficios que xerarán as novas instalacións repercutirán directamente en todos os socios e usuarios, tantos armadores como mariñeiros, pola mellora na calidade e eficiencia do servizo.