
A. CUBA
Pilar López Bellón é a presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Cedeira, con socios deste municipio e de Valdoviño.
Pilar López Bellón, presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Cedeira, con socias deste municipio e de Valdoviño, como ela mesma, recoñece que as xornadas formativas lle axudaron a «tomar conciencia da gravidade de tirar plásticos e outros residuos». Despois participou, coas súas compañeiras, na primeira sesión de limpeza: «Quitamos roupa, tenis, cabichas, palitos de limpar as orellas e dos chupachús, botellas, ferros e madeira de barcos antigos… Todo polo río [en Funil, en Pantín], nunha zona na que antes había ameixa moi boa. O que queremos é volver botala».
Nas 15 xornadas que quedan por diante limparán «a praia de Vilar, a enseada de Esteiro e a praia da Madalena». De feito, xa pensan en seguir despois pola súa conta, «cando se poida, en días que non haxa marea», para continuar extraendo lixo destas zonas. «Este proxecto é moi interesante -remarca López Bellón-, polos beneficios que ten para o medio ambiente ao reducir a contaminación, e polas posibilidades que nos dá de sementar ameixa fina».
«Estamos intentando ir para arriba», subliña a presidenta do colectivo de recolectoras, convencida de que «sen traballo non se consegue nada». En canto ao marisqueo, o verán empezou mal, con toxina en xuño e xullo, despois de tres meses de inactividade polo covid-19, pero agosto «foi bastante ben».