“A Administración debería intentar ser o máis práctica posible á hora de atallar os problemas do sector” – “Para este ano as esperanzas son poucas, por non dicir ningunha, pola situación do marisco”.
carmen fernández
Enrique Maceiras inicia o seu primeiro mandato á fronte da confraría da Pobra do Caramiñal tras impoñerse nas eleccións. Maceiras afronta estes catro anos co obxectivo posto na rexeneración das zonas de marisqueo a pé e a flote: “Temos un escollo grande co porto comercial porque afecta ás praias”, apunta. A situación económica do pósito é algo complicada, porque a confraría da Pobra depende moito do marisqueo, e este segmento non está a pasar o seu mellor momento na zona. “Están desaparecendo dúas especies fundamentais: o berberecho e a ameixa fina”, lamenta Maceiras. O furtivismo tampouco axuda á recuperación das zonas de marisqueo e das especies, e dende a Administración non facilitan solucións polo momento
Enrique Maceiras foi elixido como patrón maior da confraría da Pobra do Caramiñal e afrontará o seu primeiro mandato no pósito. Maceiras indica a importancia de recuperar o marisqueo, tanto de a pé como a flote, da zona porque está en mal estado e esta actividade é o principal sustento da confraría.
– Por que se presentou ás eleccións a patrón maior?
-Fun durante anos presidente da agrupación de mariscadores e queríamos darlle un xiro nalgún aspecto a mellorar. Juan Miguel [o anterior patrón maior] non se ía presentar e acordei facelo eu, aínda que houbo dous candidatos máis.
– Nota que ten a confianza dos socios?
-Sinto que teño a confianza do sector que me apoiou. A maior parte do meu sector, o marisqueo, pero tamén parte doutros.
– Vai haber algún cambio no método de traballo ou seguirá na anterior liña?
-A intención é facer algún cambio, non moi grande, pero sobre todo na rexeneración porque as praias están moi mal. Sen embargo van ser difíciles porque hai una barreira grande: a económica.
– A situación económica é difícil?
-Si, é algo complicada. Pero non só na nosa confraría, se non na meirande parte das da comunidade. Cada día complícase máis. Con estas sancións que está aplicando agora a consellería polo tema de se che collen marisco pequeno nas lonxas dificulta bastante a situación porque tamén che complica á hora da financiación. Os gastos cada vez son maiores, todo suma.
– E os ingresos?
-Son menores. Cada vez son menos porque non hai marisco fundamentalmente. Hai temporadas nas que non hai marisco nin prezo, que é outro dos factores que está en xogo. Se tés pouco produto e o tes que malvender… non dan as contas.
– Hai compradores na lonxa?
-Non se ve moito comprador, non hai tantos coma antes. Antigamente si que había máis.
– É a primeira vez que é patrón maior, que expectativas ten do que implica o cargo?
-Ando agobiado [risas]. Implícache unha maior responsabilidade, esixe máis tempo. Non estás centrado só no teu sector, xa que hai máis e cada un ten o seu problema. Como presidente da agrupación só che dedicabas a iso, agora é distinto porque están tódolos sectores.
– Ten algún proxecto en mente para estes catro anos?
-Os que temos pensado realizar son todos de rexeneración tanto para o marisqueo a pé como a flote. Hai que ter en conta que a nosa confraría ten pouco terreo útil. Pódenche dicir que o pósito da Pobra ten tantos metros cadrados, pero útiles moi poucos. Temos un escollo grande que nos afecta á rexeneración e á produción en si, que é o peirao comercial. Estamos outra vez falando con Portos para ver como se pode solucionar ese tema, a ver ata onde podemos chegar porque solicitamos a apertura de canles nese peirao.
A construción do peirao comercial afectou ás correntes?
-Si e como consecuencia tamén afecta ás praias. A dos Arenales está afectadísima e na outra zona a dos Raposiños tamén pola acumulación de lodos.
– E en que consistiría este proceso de rexeneración?
-Aportación de sementa, araos, áridos. No sector de a flote faille moitísima falta porque o terreo está mal polo que hai que aportarlle o que precisa para recuperalo. Pero claro, iso custa cartos.
– A Administración non dá algunha axuda?
-Si, dan axudas, pero a confraría necesita dispor fondos para poder optar a esas subvencións porque non son inmediatas. Se eles che concederan a axuda e xa se ocuparan eles de pagar sería máis rápido, pero unha vez que che dan a axuda igual tardas un ano e pico en cobrala. Mentres tes que financiala e facerlle fronte á parte proporcional. Se non dispós dos cartos que precisas para desenvolver os proxectos, que soen ser cantidades grandes, non podes facelos.
– O furtivismo segue dando problemas na zona. Podería facerse algo máis para combatelos?
-A Consellería do Mar ten que aportar máis medios e igual tomar outro tipo de medidas porque as que están implantadas hoxe en día non son efectivas. A nosa confraría xunto á de Rianxo e Cabo da Cruz solicitamos máis medios fai pouco porque os nosos gardapescas vense excedidos e cas mans pilladas. Está a haber incluso ameazas e agresións nalgunhas zonas. Hai furtivos máis violentos.
Agora chegan ás ameazas e agresións, non teñen límites os furtivos?
-Hai unha sensación de impunidade, é o que se percibe. As sancións económicas non lles fan nada. Tampouco sei cal podería ser a solución, pero quizás que a consellería aporte máis medios podería mitigar a súa acción.
– Sería algo difícil erradicar o furtivismo?
-Si, a eliminación completa desta actividade é complicado, a sociedade ideal non existe.
– Que outras dificultades afronta a confraría?
-Económica. E que vai ligado co mal momento do marisqueo e o problema cos furtivos, pero si que temos outras dificultades, entre elas a desaparición de dúas especies fundamentais: o berberecho e a ameixa fina. O berberecho no se da rexenerado, quédase monolcolor, e antes non podías andar polas praias sen atopar berberechos.
– Coñecen o motivo da desaparición destas especies?
-Os expertos din que a alta mortaldade do berberecho está relacionada coa martelia. O caso da ameixa fina aínda está por concretar porque aínda non hai unha explicación. Está claro que algo lle afectou porque sofren unha mortaldade masiva e hai que ter en conta que tamén é unha especie que tarda máis en rexenerar.
As administracións poderían facer algo máis para mellorar a situación da pesca?
-Si. Nótase pasividade. Sabemos todos que é difícil e o que queremos é acción-reacción, ver resultados inmediatos. Moitas veces non facilitan as cousas. Ou algo está roto na comunicación ou non entenden o que lles transmite o sector ou non lle fan caso. Nós transmitímoslles os problemas que hai.
– O posible descoñecemento do seu traballo diario pode influír?
-Si, vivimos en planetas diferentes. Moitas veces a burocracia frea o noso traballo. As respostas a determinados problemas deben de ser máis rápidas, sen tanto trámite e sen tantas datas. Pásanos en problemas concretos por variación de cota ou de zonas. Imaxínate nuha época como o Nadal, na que as datas son as que son para vender os produtos. Non nos vale que as respostas cheguen en xaneiro ou febreiro. E se cando percibimos o problema é en decembro necesitamos unha resposta máis rápida e acelerar os trámites.
Debe estar conectado para enviar un comentario.