“O ideal é non ter un sector subvencionado, pero a alternativa igual é que desapareza”

“Os recursos, en xeral, están bastante sobreexplotados. A UE debía implicarse con plans de axuda porque nós sen máis non podemos parar, aínda que vexamos mal as especies”

José Luis Martínez Rego Patrón maior de Espasante

PatronO sector pesqueiro galego está inmerso no desánimo e moitos profesionais só pensan en deixar a actividade en canto poidan. Así o entende o patrón maior de Espasante, José Luis Martínez, que lamenta a merma continua da flota pesqueira. “Dende que recordo sempre foi a menos”, apunta, e reclama un plan ambicioso da Xunta, Goberno central e Bruselas que permita mellorar a situación dos recursos e a supervivencia do sector. Non obstante, da por feito que non aprobarán axudas económicas, e di que o sector así non pode parar e dar descanso aos caladoiros. “Estamos nunha espiral da que non damos saído”, conclúe

O patrón maior de Espasante (Ortigueira), José Luis Martínez (Espasante, 1966), está a punto de cumprir o primero ano do seu terceiro mandato á fronte desta pequena entidade pesqueira, que conta con pouco máis dunha vintena de socios. Recoñece que os recursos pesqueiros, en xeral, están “bastante sobreexplotados” e denuncia o abandono que sofre o pósito por parte da Xunta en relación co dragado do porto, que lles impide deixar as embarcacións en Espasante. “Estamos sen auga, sen calado, énchese o porto de area e levamos dez anos así. De momento, solución ningunha”, quéixase Martínez.

-Cales son agora mesmo os maiores retos da confraría?

-Para un pósito pequeno coma este o primeiro é manterse. Temos un convenio co Concello, que nos está a pagar a secretaria, e outros coa Xunta para asistencia técnica e demais temas, como teñen todas as confrarías.

-E en que situación económica se atopa a entidade?

-Débedas non temos, estamos a crédito renovable: un crédito pequeno que ao final do ano queda a pre e volta a comezar.

-É dicir, queda todos os anos a cero?

-Si, máis ou menos. O superávit que hai é moi pouco. Para confrarías pequenas como a nosa poder sobrevivir xa é moito. Das maricadoras levamos ao redor do 5% do que subastan na confraría e os mariñeiros poñemos unha cota mensual de 30 euros, á marxe dos retornos que veñen de portos como Cedeira.

-Non hai moito falábase acotío da necesidade de fusionar confrarías, especialmente as pequenas, para que poidan subsistir xuntándose con outras máis grandes e próximas. Que lle parace esta posibilidade?

-Non estou de acordo. Temos un banco marisqueiro que é do mellor que hai na zona norte, aquí en Ortigueira, e é a ría máis grande da zona norte, catalogada ademais como zona A. A nós fusionarnos…, non, non, non nos interesa. Nos últimos anos aumentáronse os permisos de marisqueo e neste 2015 creo que entraron catro máis que o ano pasado.

-A que se debe que esté tan ben este banco marisqueiro? Fixeron moitos traballos nel, de rexeneración, por exemplo?

-Si, xa hai moitos anos. A ría de Ortigueira sempre foi moi produtiva para a ameixa e o berberecho e é moi importante porque as mariscadoras son as que están a manter a confraría.

-En Espasante hai moi poucos barcos de pesca, nin unha decena. Cales son os maiores problemas que afrontan?

-A flota é de artes menores, traballa en augas galegas, e as cotas de pesca negócianse todos os anos coa Xunta ao deseñar os plans de explotación. Os cupos da UE non nos afectan porque non temos nin barcos de altura nin de cerco.

-E están satisfeitos coa xestión do Goberno galego?

-É mellorable… [ri], pero son bastante dialogantes e vannos permitindo faenar con normalidade. Iso xa é algo.

-A actividade comercial na lonxa de Espasante subiu bastante este ano, sobre todo no berberecho. A que se debe?

-A xente está bastante contenta. No marisqueo estanse a cumprir os topes, non se esquilma o recurso, e iso favorece que sempre haxa boas cantidades para extraer. O ano pasado houbera problemas de toxinas e non puideran recoller marisco moitos días.

Como de controlado está o furtivismo na ría de Ortigueira?

-É un problema de toda Galicia, estamos todos igual.

-A partires de xullo o furtivismo reincidente vai ser considerado delito. Que lle parece a medida?

-Está ben, pero hai que decatarse tamén da situación na que estamos. Hai xente que ten familia ao cargo, sen traballo, que vai coller unhas ameixas, non sei… Eu a esa persoa non a consideraría furtivo senón ao que ten o seu traballo e aínda por riba vai ás ameixas, ao percebe ou a calquera outro recurso. Coa crise actual, eu se tivese que manter a miña familia e carecese de traballo igual facía o mesmo. Hai xente que o fai por desesperación, non para lucrarse.

-O sector pesqueiro leva anos en decadencia. Por que cre que esta actividade, tan importante para Galicia, vai a menos?

-Algo ten que ver a sobreexplotación. Os recursos, en xeral, están bastante sobreexplotados. Igual habería que facer uns plans de xestión e recuperación nos que se implicase a Unión Europea con plans de axuda, para poder facer paros de determinados meses ao ano. Porque nós, sen máis, non podemos parar. Aínda que vexamos mal o recurso temos que traer algo para a casa para subsistir. Deberían implicarse a Xunta, o Goberno e Bruxelas, os tres.

-Pero semella que todo o que sexan medidas económicas, ninguén quere…

-Non, as institucións non. Para iso nunca hai cartos, para outras cousas si.

-Soen dicir que non queren ter un sector subvencionado…

-O ideal sería iso…

-Pero igual é telo así ou non telo, non? Porque a este ritmo acabará por desaparecer.

-Si. Isto vén de moitos anos atrás. Xa antes da crise estabamos así e non se puxo solución pese a que daquela igual había máis cartos ou incluso o sector podía absorber parte do custo. Nós agora temos o paro do polbo e non imos cobrar nada. A xente ten que ir por outras especies, e con iso que fas? Sobreexplotar outro recurso no que xa hai xente traballando todo o ano. É unha espiral da que non se dá saído porque despois, ao que remate a veda do polbo, igual xente que anda a outras artes decide cambiar ao polbo porque ten bós prezos en lonxa.

-E notouse a volta de xente ao mar coa crise?

-Neste porto concretamente non, pero si que hai xente que tivo que volver. O malo é que a flota vai a menos e é difícil atopar oco, o cupo de traballadores está bastante completo. Dende que eu recordo, a flota sempre foi a menos e, por desgraza, seguirá.

-Porque hai moito desánimo no sector polas dificultades?

-Si, hai moitos barcos de baixura, non moi antigos, que están anotados para o desmantelamento. E son barcos novos, do 2000 ou así, que queren saír da actividade.

-No mar seguen a rexistrarse moitos accidentes. Que está a fallar? Formación, prevención…?

-A maioría é polo factor humano, porque os barcos son novos e moitas veces trabállase cando non se debía. Arríscase demasiado.

-O porto de Espasante precisa dalgunha reforma das súas infraestruturas?

-Estamos co tema do dragado, que non acaba de vir. Estamos sen auga, sen calado, énchese de area o porto e levamos dez anos así. De momento, solución ningunha. Estivemos hai pouco tempo cos responsables de Portos de Galicia e din que están aí, que están aí, e levamos dez anos igual.

E mentres tanto, como fai a flota de Espasante se non pode amarrar aí?

-Pois a maioría imos a Cariño, outros a O Vicedo, porque aquí non se pode. Aínda que con temporais grandes, incluso contando con máis calado, en Espasante non se poderían deixar as embarcacións, pero polo menos só teriamos que ir a outros portos no momento en que se producisen eses temporais puntuais.

Link: http://www.laopinioncoruna.es

 

Esta entrada foi publicada en Comarcas, Mar, Marisqueo, Percebe, Pesca. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s